viernes, 25 de mayo de 2012

CHOIVA EN CHARCOS


- Onte caeu unha boa!
- Como o sabe?
- Ve aqueles charcos de alí? Están rebordantes de auga.
- Pero, está chovendo hoxe. Como sabe que tamén onte?
- Ten razón, intentaba enganalo. A verdade, non o sei.
- O que non sabe?
- Nada.


Incesante cor vermello inferno de escura visión imaxinativa. A prol dun marco gris en dúas camas, celas e oídos de tapiz suave para todo o mundo, pedíase silencio alí…

- Continúo sen entender por que me dixeron que onte choveu.
- Os paxaros cantan, a multitude esmagadora anda posando os seus pés un a un no sucio, mediocre e sonoro chan. Só podo escoitar iso, nada máis. Parece choiva, pingas que do inalcanzábel teito caen. Pecho os ollos e soño, hoxe vexo charcos. Conclusión? onte choveu.
- Parece incríbel pero non o entende, onte o tempo era de luz quizais, os charcos son de hoxe.
- Miña mente e corazón nunca deixaron bágoa encerrada que Cupido, Ares ou Atenea incluso dominaran, eles son meus irmáns agora. As goteiras? Disme tempo eu dígoche indefinido.

O ceo menos azul é máis escuro, treboento e con bagoas que derraman as nubes. As camas con goteiras, cada vez maiores de minúsculas esperan cambio… Nós, en difícil, quizais imposíbel soño. O mundo, sen camas. Durmindo.

- Cupido hai tempo que está en control de Ares. Atenea, en estado de coma e oculta. Iso me comentabas.
- Levo moito tempo sen saír de aquí pero é a muller máis poderosa e escasa, pois, a corda que me sostén a aguanta ela.
- Entón como sabe que onte chovía, e hoxe… Como ficou nos charcos?
- Non hai charcos. Gran inundación máis ben, as nosas mentes procuran a arca de Noé e trátase de non sucumbir en arrebatos de información inexistente. Salvarnos ou permanecer en coma.
- Ás veces pareces contradicirte…
- Díxencho, non sei nada.

O frío e solpor dunha hora interminábel regala un sorriso baleiro de sentir no ocaso das vidas. Nas camas, a voz da palabra. O medo á mañá. A morte do día. O resucitar de novo…

- Mañá execútannos…
- Atenea por fin móstrase en ti.
- Na alba, coa xeada estaremos mortos…
- Igual só comezamos a vivir, levamos defuntos aquí moito tempo. Trata de escoller ben esta túa última vontade. Igual sorpréndeste da escasa permanencia dos acontecementos.

De súpeto, vólvese todo máis escuro e escóitanse unhas fortes pisadas… Expectantes os reos, matizan a ecuación do desastre, coñecen a procedencia das pisadas. O tedio provoca que até o máis ridículo detalle poida ser memorizado. Fusil en man, un garda acércase. Eles sénteno sen velo como as árbores que son desfolladas polo vento nos outonos…

- Silencio! estades avisados; á seguinte voz disparo. Rosma a voz das pisadas.
- Denantes mortos que escravos.

Suor, frío, ollos en branco. Pomba que non voa, coas ás cortadas. Sufridora e sen vento para planear. Liberdade en terra que chora, vida de sentir de sentimentos. A pomba non alzará máis alto do chan. Pregúntome, até cando a luz do Sol.


__________
PUBLICACIÓN EN "TEMPOS DIXITAL" DO TEXTO FEITO POR XOSÉ CARLOS :)