martes, 26 de junio de 2012

Insomnio

Atópome na cela, cadea de estrelas
asoballando a alma que hoxe non soña.
E no recordo lambo o gusto da vida.

As pupilas dilatadas que inventan imaxes
debuxadas nun boceto sensual dunha sombra.
E no pasado deformo os rostros.




O Sol chama as portas do horizonte baleiro
que escondido encéndese con lume e contento.
E na memoria, esa noite non soñaba...

Os ollos erguen a mirada superflua do canto
do galo enfeitizado e alporizado con desgarro.
No meu canto; os ollos coma pratos...

domingo, 3 de junio de 2012

Entrevista a Xosé Carlos

Entrevista ao noso poeta Xosé Carlos no blog "Estouna Lavadora"! Vai paso a paso polo camiño de converterse nun grande escritor... Moitos parabéns, "Neocunqueiro" :)
Aquí vos deixamos a entrevista:


"Como puidestes ver nas anteriores entradas do blog, tivemos o placer de coñecer un novo talento da escrita. É de Arzúa, ten 21 anos e dende adolescente empezou a escribir relatos e poemas en galego animado por un dos seus profesores da secundaria. Publicou dende os 15 anos relatos na revista do instituto no que estudaba. Foron publicadas tamén composición súas no xornal "La voz de Galicia" co título de "Sede de varniz e viño" e tamén en temposdixital.com co título de "Choiva en charcos". Participou ademais na realización do blogue berslash.blogspot.com.es/ cunha amiga súa.
Agardamos que estas narracións e poemas sexan publicadas nun libro cuxo autor conste con letras maiúculas e sobretodo, en galego: XOSÉ CARLOS CARRACEDO."
1.-Sabemos que todas as túas narracións e poesías están en galego. De onde saíu ese gusto polo idioma propio?

Pois a verdade creo que é algo que estivo sempre conmigo. Sempre foi o meu idioma principal dende que recordo. Na miña familia como na escola nunca notei un clima de prexuizo cara esta lingua, máis ben o contrario e visto o que hai parece que tiven moitísima sorte. Tampouco cos meus amigos, dende neno. Igual se me criara nunha cidade ou un lugar máis castelán que Arzúa non sería galego-falante. Creo que a escola e o entorno é fundamental para que un neno decline nun idioma ou outro.

2.- Pensas en isto de escribir como un hobbie ou cres que chegará a ser para ti algo mais?

Pois ver, véxoo como unha afección. Senón me gustara escribir non o faría. Dende logo, iso é o que me move a facelo. Gustaríame moito que chegara a ser algo máis e publicar algún libro. Teño bastantes ganas, a verdade hahaha. Pero bueno, son consciente de que aínda teño moito que aprender e espero que chegue algún día.

3.-Cando comenzaches con esto de plasmar en papel estas historias, ou simplemente pensamentos? Houbo algo ou alguén que te animase a facelo ou fuches ti quen tomou a decisión?

A figura fundamental para que eu me animase a escribir foi o meu mestre de galego Xosé Ramón. El sempre me animou moito e me ensinou e ensina facetas nas que debo mellorar. Ademáis préstame e recoméndame moitos libros. Antes houbo outros profesores que nos mandaban facer unha redacción e bueno, eu sempre escribía como pensando en tarefas para a casa, a miña vocación chegou máis tarde.
Despois xa non, cando empezoume a gustar. Estaba desexando que me mandara redaccións para ensinarlle o que facía. De feito foi gracioso porque o momento no que me entraron as ganas de escribir foi cun suspenso en galego, nunha avaliación. Xosé Ramón, o meu mestre de entón, díxome que tiña un catro. Eu estaba descontento e despois de chorarlle algo díxenlle que iba a aprender todo o que déramos eses días despois do exame e facerlle os deberes moi ben e el mandou unha redacción. En principio, como tiña principio de enaxenación mental transitoria polo suspenso, fixen un texto de crítica á súa clase. Despois pensando, pois rachei con iso e empecei a pensar: Porque o coiote nunca colleu ó correcamiños? E fixen un monólogo interior (explicáranos el antes como era)con preguntas e o que é un desbarre haha. E bueno a el gustoulle e díxome que podía dárseme ben iso. Asique comecei a escribir máis e co tempo tamén a leer.

4.-Todo poeta ten as súas fontes de inpiración, cales son as túas?

Mmm, é difícil de describir o da inspiración. Cunqueiro dicía que non cría nas musas nin nas fadas, senón que precisábase unha memoria deformante que encher, darse conta de que a verdade non é suficiente e traballar sobre iso. Eu pola miña parte non sabería responder ben a esta pregunta, Cunqueiro está máis cualificado haha.

5.-Que lle aconsellarías á xente que empeza a escribir, e mais en galego? Cres que isto de escoller o galego como idioma das túas composicións pode repercutir negativamente nos mesmo e na túa evolución como escritor?

Pois o da xente que comeza a escribir, entre os que me inclúo, diríalles que lean moito e escriban por diversión, sen que se convirta nunha obriga. O de publicar ou non xa virá, a cuestión é desfrutar con isto e sobre todo creo que para ser bo escritor debemos leer moito e de todo, xa que é a fonte máis fiable de aprendizaxe.
Respecto o do galego, penso que non escollelo si pode repercutir negativamente na miña futura evolución como escritor e como persoa, o cal é máis importante. Se nós os galegos non enriquecemos a nosa lingua ninguén o fará, e a lingua enriquécese con cultura e ahí intervimos todos nós pois queiramos ou non o galego ó pasar polos nosos beizos muda de expresións e mesmo enriquécese, faise forte e incluso pódese chegar a perder senón o bicamos. E é unha sorte que neste mundo, cada vez máis globalizado no que parece que prima o pensamento único, poidamos neste recuncho de cada vez menos choivas e meigas soñar en galego. Eu son dos que pensa que Babel foi un milagre.

6.- Cres que algún día poderán chegar a coexistir dúas linguas, como son o castelán e o galego, en igualdade de condicións?

É complicado, dende unha perspectiva histórica o galego estivo desprazado moitos séculos e iso aínda perdura dalgunha forma. É tamén certo que tivo unha gran recuperación e os peores tempos semella que pasaron. E aínda así dende instancias políticas e institucionais ves que siguen desprestixiando o idioma e seguen a non coidalo. Que o quitan da educación, que non se aplica unha discriminación positiva, que falar galego é de nacionalistas, que se falas galego es de aldea, que se falas galego e es de cidade odias o español...
Poderían coexistir ambas linguas cunha política lingüística axeitada, o problema é que o goberno que temos parece que a súa meta é que o galego sexa prehistoria.

7.-Utilizas Galicia como fonte de inspiración nalgún dos teus relatos/poemas?

Ás veces, cando lin “Os Eidos” de Novoneyra saíame o paisaxe de forma recurrente ó escribir, o noso paisaxe que tan fermoso é. A zona vella de Compostela tamén inspira moito, A Costa da Morte. En fin, estou namorado desta terra. Debería ser moito máis orgullosa e valorar o que ten despois das cen mil pragas que superou e supera.


8.-Como cres que é a situación actual do galego?


Pois mala. Según as estadísticas os que máis falan galego son os vellos. Os novos cada vez o falamos menos. Partindo dese dato irrefutable debémonos plantear que Galicia queremos para nós e para os nosos fillos. Se a Galicia que queremos é unha na que o galego sexa sendo parte de nós. Na miña humilde opinión creo que deberían, por exemplo, entre outras moitísimas cousas facer unha política de discriminación positiva. Senón se fai corremos o risco de pertencer á xeración do inicio dos novos séculos escuros que igual se eternizan. Imos ter que acampar cas palabras ou algo similar para que sexamos escoitados, o malo é que se acampamos igual ábrenos o nicho porque parece que incluso estamos perdendo o dereito a indignación e a reclamar o que é noso.

9.- Houbo algún escritor ou poeta que che chamase máis a atención e usases como modelo a imitar?


Cando comecei a escribir gustábame moito o surrealismo, facer desbarres mentais e experimentos básicamente. Agora iso cada vez gústame menos a verdade, se teño que dicir un autor que me chamase a atención ese é Cunqueiro, tanto por personalidade como pola súa obra. Cando lin “Xente de aquí e Acolá” quedei abraiado e entendín que me queda moitísimo que mellorar. Canto máis leo e escribo, máis me dou conta diso último. Eu intento coller cousas que me gustan de todos e traballar sobre iso. Esperemos que a miña receta sexa boa haha.

10.- De cal dos teus textos/poemas estás máis orgulloso? Por que?

Dos meus canto máis vello menos me gusta. Algunha vez teño pensado: mi madriña, que mal escribía daquelas espero que mellorara haha. Aínda que si é certo que lle gardo certo aprecio ó que fixen como redacción de galego na miña adolescencia que contaba antes. Por ser o primeiro e porque fíxome ver que igual podía facer algo que me gustaba nese camiño.

11.-Houbo algún libro que te marcase? Por que?

Pois moitos, a verdade de Cunqueiro fascinoume todo, quizais as súas semblanzas fora o que máis, tamén me impresionaron os libros“De Catro a Catro” de Manuel Antonio , “Os Eidos” de Novoneyra, “Adeus ás armas” de Hemingway, “Cousas” de Castelao, algún conto de Cortázar… E bueno sen dúbida, un dos que me marcou foi Miguel Torga e o seu libro “Bichos”. Sobre todo o último relato, o do Corvo que escapa da Arca de Noe porque quere morrer, foi das cousas máis fermosas que lin. Altamente recomendable!

12.-Ti tamén cres que ler cousas en galego transmite máis que lelas en outras linguas?

Eu pensó que transmíteme máis a min porque son galego e é ese o meu idioma, se fora Italiano sería o italiano, grego ou xaponés o idioma que me transmitiría sería o que tivera por propio. Non creo que haxa idiomas máis fermosos que outros, o que si penso e que nós na nosa cabeza e percepción facemos deses idiomas que sexan doces coma a mel nos beizos e que nos transmitan máis.


_______
http://estounalavadora.blogspot.com.es/2012/06/entrevista-xose-carlos-carracedo.html